Monday 06 de May de 2024

O alumnado do CRA Boqueixón-Vedra participa nuns obradoiros sobre o sistema solar


O alumnado do CRA Boqueixón-Vedra vén de iniciar uns obradoiros sobre o sistema solar, que se desenvolven dende onte ata mañá. Esta iniciativa, promovida polo Concello de Boqueixón en colaboración co centro educativo e a súa ANPA, levará o programa Ciencia en Ruta ás seis escolas unitarias que integran o CRA.

Esta proposta ten como principal obxectivo incluír nas aulas actividades educativas e innovadoras de interese para o alumnado do Centro Rural Agrupado. As actividades propostas nos distintos obradoiros tentan achegar o sistema solar ás cativas e cativos dun xeito ameno, potenciando, ademais, a importancia de saber observar.

Para iso, a actividade traballa a representación e interpretación espacial do sistema solar a través de vistosas maquetas. Ao mesmo tempo, búscase reforzar a capacidade de abstracción do alumnado para poder comprender as distancias entre os planetas, xerando, deste xeito, interese pola ciencia.